spiz

COMPOSICIÓN

Anfetaminas (habitualmente sulfato de anfetamina e raramente metaanfetamina, esta última máis potente) en cantidades variables debido a súa situación de ilegalidade, que poden ir dende menos do 0,5% ata pouco máis do 90%. A pureza media é de aproximadamente, o 15%.

Adulterantes:

  1. sustancias non activas: glucosa, sacarosa, manitol, lactosa (non activas pero que poden ocasionar problemas en persoas alérxicas)
  2. sustancias activas: cafeína (en porcentaxes entre o 20% e o 60%). en ocasións engádense tamén medicamentos de uso frecuente como poden ser paracetamol, piracetam, lactobacillus, DPIA

PROPIEDADES

As anfetas son sustancias estimulantes do Sistema Nervioso Central. Xunto aos seus usos terapéuticos recoñecidos (trastorno por déficit de atención con hiperactividade e no tratamento da narcolepsia), tamén son sustancias usadas con fins lúdicos.

Os efectos poden variar dependendo dalgúns aspectos como poden ser a situación persoal, as características da persoa, a tolerancia á sustancia (as anfetas crean unha gran tolerancia), a cantidade inxerida, a mistura con outras sustancias, a adulteración…

Subida: euforia, elocuencia, seguridade en un mesmo, un incremento no nivel de alerta, na capacidade de concentración, diminución das sensacións de cansazo, sono e fame. Incrementa o rendemento físico e o nivel de atención sobre todo en tarefas simples. Pode producir un aumento do desexo sexual.

Baixada: cansazo extremo, baixo estado de ánimo, estómago encollido, boca como a sola dun zapato, ansiedade, irritabilidade e pode que incluso síntomas depresivos.

Doses moi altas ou continuadas: poden producirse cadros de ansiedade, as súas manifestacións físicas e psicolóxicas son similares as do medo: sudación, sacudidas musculares, sensación de mareo, palpitacións, taquicardia, molestias gastrointestinais, diarrea, ganas de mexar e gran aumento dos niveles de atención e alerta. En ocasións, esta actitude de excesiva alerta cara o noso entorno pódenos levar a crear ideas de carácter ansioso (falan de min, rinse, cuchichean…).

POSOLOXÍA

A dose depende de cada persoa: do seu peso corporal e do nivel de tolerancia que alcanzara a sustancia. En xeral, recoméndase que as “raias” de spiz sexan máis pequenas que as de cocaína, xa que a anfetamina fai o seu efecto en cantidades moi pequenas (a partir de 10 mg). As intoxicacións poden producirse a partir dos 30 mg. Estes datos son para anfetamina xa que debido a variabilidade da composición do spiz pola súa situación de ilegalidade, non se pode falar dunha posoloxía correcta.

CONTRAINDICACIÓNS

As probabilidades dunha reacción adversa grave poden ser máis probables en persoas con hipertiroidismo, glaucoma, diabetes ou doenzas cardiovasculares coma anxina, hipertensión ou arritmias.

Tamén está contraindicado en: persoas en idade de desenrolo (menos de 20 anos), hipertensión, doenza psicótica, estado anímico deprimido ou ideas suicidas

O consumo de anfetaminas durante o embarazo pode dar lugar a atrasos no crecemento intrauterino, partos prematuros e aumentar a mortaldade na nai, no feto ou no recén. Tamén pode dar lugar a síntomas de adicción e síndrome de abstinencia no recén. O mesmo sería aplicable a época de lactancia.

PRECAUCIÓNS (diminución de riscos)

Salvo que se realice unha análise en laboratorio, non existe método que poida utilizarse para determinar o grao de pureza do spiz. Aínda que teña un olor característico, este non representa un indicativo exacto da súa calidade. Tampouco a súa cor.

O spiz é unha sustancia ilegal, polo tanto convén estar informado da normativa legal vixente para evitar problemas.

Á hora de consumilo:

    1. Dado que o spiz consúmese habitualmente nifrado, o tuto debe ser persoal e intransferible para evitar contaxios de infeccións. Para evitar hemorraxias hai que pulverizalo ben e despois do consumo, nifrar soro salino (ou auga tibia no seu defecto) para eliminar restos das fosas nasais.aliméntate en condicións antes, durante e despois.
    2. Come ben antes de saír para protexer o estómago e carga-las baterías de enerxía. Lembra os efectos beneficiosos dunha dieta rica en antioxidantes.
    3. Cando o spiz está feito unha pasta, pode ser útil quentalo un pouco ata que se converta en po. Outra opción e consumilo en “bombiñas” (vía oral).
    4. Nalgúns contextos (lugares onde fai moita calor) ou situacións (bailando sen descanso), o spiz pode aumentar a temperatura do corpo. Hidratarse con auga ou bebidas isotónicas (acuarius, gatorade…) e realizar descansos axudarán a evitar este efecto.
    5. Debido ao poderoso efecto estimulante do spiz, convén facer raias máis pequenas que no caso da cocaína e espacia-las tomas. Así evitaranse os efectos desagradables que provoca un exceso de estimulación.
    6. Evita conducir ou practicar actividades de risco, baixo os seus efectos, a sensación de “control” pode xogarte unha mala pasada.
    7. Coidado ao manter relacións sexuais baixo os seu efectos, a sexualidade é ampla e as prácticas sexuais tamén: practica “sexo seguro”.
    8. Ao chegar a casa un vaso de leite sentarache ben. Intenta descansar unhas 6-7 horas aínda que non poidas concilia-lo sono, o corpo agradeceracho. Intenta comer o día de resaca aínda que non teñas fame, recuperarás moito antes e mellor.

O consumo habitual de spiz fai que os efectos da sustancia vaianse tolerando co que haberá que incrementa-la dose para experimentar os mesmos efectos. Ademais se o consumo é moi habitual, poden aparecer síntomas de abstinencia (xa que as anfetaminas poden provocar dependencia física) se se deixa o consumo de maneira abrupta. Estes síntomas son: cansazo, problemas de sono, irritabilidade, sentimentos de de ansiedade e tristeza, e un intenso desexo de consumir spiz.

O consumo abusivo e/ou crónico tamén aumenta a posibilidade de sufrir episodios psicóticos (psicose tóxica ou anfetamínica). Estes trastornos caracterízanse pola aparición de alucinacións e paranoias. Os síntomas deberían desaparecer ao deixar de consumir, en caso contrario, debe acudirse ao especialista.

Se consumes spiz prepárate para non durmir (o número de horas esperto dependerá da dose), se queres gozar sen angustia dunha noite (e quizais unha mañá, unha tarde…) de spiz procura non ter nada que facer ao día seguinte.

¿sabes saír sen consumir esta sustancia? Se non queres chegar a este punto podes deixar fins de semana de descanso e propoñerte festas sen a necesidade de consumir esta sustancia.

Evita decidir por ninguén e que ninguén decida por ti, cada un debe controla-la súa dose, non tes porque meter tódalas raias que che poñan, é bo coñecer o teu corpo.

EFECTOS SECUNDARIOS

Xunto aos efectos buscados e desexados, tamén aparecen outros, produto da estimulación do sistema nervioso: aumento do ritmo cardíaco, do ritmo respiratorio e da presión arterial, aumento da temperatura corporal, deshidratación, dificultades para conciliar o sono, tensión mandibular e movementos incontrolados dos músculos. A altas doses poden aparecer convulsións e arritmias.

Outros efectos secundarios que poden aparecer son dor de cabeza, boca seca, normalmente aumenta as ganas de mexar pero pode haber dificultades para facelo, encolle o pene (homes) e seca o fluxo vaxinal (mulleres). Pode producir feridas na boca, sobre todo cando se misturan con abundante alcol e tabaco.

Cando o consumo é habitual, existe a posibilidade de que aparezan episodios psicóticos.

INTERACCIÓNS (misturas)

  • a mistura máis perigosa é con IMAOS (inhibidores da monoamina oxidasa) e antidepresivos en xeral, poden provocar severas crises de hipertensión.
  • Coa cocaína, o MDMA (empatóxeno) e a LSD podemos cargarnos os efectos propios destas sustancias, polo que é tira-los cartos. Os efectos que predominan acostuman a ser os do spiz, pero a estimulación é maior, polo que se corren maiores riscos de deshidratación, nerviosismo, hipertensión…
  • a vitamina C, os zumes, coca-cola e bebidas ácidas melloran a excreción da anfetamina xa que provocan unha absorción reducida desta no intestino.
  • Co tabaco: debido a ansiedade que xera o spiz, consumirás cantidades desorbitadas de tabaco, aumentando a toxicidade deste e a resaca ao día seguinte será peor.
  • Os canutos poden baixar algo o teu nivel de ansiedade tras consumir spiz, pero ocorre algo similar ao explicado para o tabaco.
  • Co alcol: este altera o metabolismo da anfetamina aumentando a súa concentración no plasma sanguíneo impedindo a súa degradación. É dicir prolonga os seus efectos, aínda que como tamén reduce a súa acción e non notas a borracheira baixo os efectos do spiz, o consumo de ambas sustancias aumentará considerablemente, así como o nivel de toxicidade orgánica.
  • mistura con medicamentos (se estás a tomar medicación consulta no prospecto cal é o principio activo que contén):
  1. con furazolidona (para o tratamento da diarrea infecciosa) ou con IMAOs (inhibidores da monoamina oxidasa, presentes en moitos antidepresivos) poden provocar reaccións hipertensivas graves.
  2. con guanetidina (para o tratamento da hipertensión) a anfetamina pode diminuír o efecto desta.
  3. os antidepresivos tricíclicos e o bicarbonato sódico poderían aumentar o efecto da anfetamina e polo tanto, aumenta-la probabilidade dunha reacción adversa. Se decides consumir igual ten isto presente á hora da dosificación.

INTOXICACIÓN

Pódese falar a tres niveles de intoxicación: leve (axitación, irritabilidade, insomnio, tremores, estimulación excesiva, suoración, pupilas dilatadas e ruboración), moderada (hiperactividade, confusión, hipertensión, respiración rápida e superficial, taquicardia, arritmia, aumento da temperatura corporal e suoración) e grave (delirios, manías, autolesiones, hipertensión, taquicardia, arritmia, convulsións, coma e colapso circulatorio).

Se a persoa síntese mal, convén separa-la da festa, non angustiala e tratar de tranquilizala. Pode ser útil falarlle paseniño e tratar de aliviarlle a ansiedade. Se a situación resulta difícil de manexar deberíase acudir a un centro médico.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s