Se optas por unha DIMINUCIÓN DOS RISCOS asociados ao teu consumo de drogas:
- Non compartas o tuto cando vaias nifrar, xa que este pode ser o transmisor de moitas doenzas, dende un catarro ata hepatite, xa que as enfermidades de transmisión sanguínea poden contaxiarse a través de pequenas úlceras nas fosas nasais, moi habituais neste tipo de consumo.
- A hora de nifrar, evita as pedras, pica ben a sustancia que vas consumir. É bo aspirar un pouco de soro salino (existen envases monodose en calquera farmacia) para eliminar os restos e evitar úlceras (pequenas feridas). Se non tes preparados salinos, utiliza un pouco de auga.
- É moi, moi importante utilizar sempre unha xiringa nova para cada “pico”. Nunca utilices as doutras persoas, nin deixes que outros compartan as túas. Non compartas tampouco o auga, os filtros, a culler, o bote ou o tapón no que prepares a mistura. Se non tes xiringas limpas intenta esperar para inxectarte, para aguantar máis podes nifrar ou fumar un pouco, ata que atopes unha xiringa nova. Se non a consegues e vaste inxectar de todos modos, lava sempre as xiringas usadas con auga e lixivia!, esta práctica nunca é completamente segura, pero axudará a protexerte. Para facelo tes que coller coa agulla auga e lixivia e axitar durante 30 sg unha ducia de veces; despois so con auga para eliminala lixivia, repara en que non teña restos de sangue. Tamén podes usar alcohol, pero o máis seguro é conseguir unha xiringa nova.
- A L.S.D. e outros alucinóxenos teñen unha alta marxe de seguridade e os problemas que poden surxir normalmente son produto das malas viaxes. As malas viaxes pódense producir a doses moi baixas e son produto dunha mala predisposición ou do rexurdimento dun problema ou preocupación latente. Para evitalos escolle ben o día, se se presenta a posibilidade de improviso e mellor absterse se tiveches unha noite rara e non tes confianza plena en ti mesm@. Se vai se-la túa primeira experiencia escolle ben o momento, o lugar e a compaña.
- Se vas tomar ketamina faino en pequenas doses, raias finas e curtas. Ten en conta o teu peso corporal. Se ides facer unhas filas comunitarias non poden ser iguais a de quen pesa 50 Kg que a do de 85 kg.
- Se estás a tomar antidepresivos le o prospecto. Se conteñen IMAOs (inhibidores da monoaminooxidasa), consumir outras drogas poden desencadear interaccións moi perigosas.
- Alguén encantador con quen se conectaba á perfección de MDMA (éxtase), pola mañá pode resultar ser un cretino a quen non podemos botar da nosa cama. Cando menos utilicemos condón para minimizar o contaxio de doenzas tan txungas como a gonorrea, hepatite…