A prohibición do cánabo, igual que a do resto de sustancias psicoactivas ilegais, é un experimento recente na longa historia do uso desta planta por parte do ser humano, que se remonta a mediados do século XX.
Non foron motivacións de Saúde Pública, nin científicas, as que provocaron a ilegalización do uso desta sustancia. Foron causas económicas e morais as que levaron ata a actual situación, e a complexa estrutura de mentiras sen fundamento algún que se formou para prohibi-lo cánabo nos EEUU durante os anos trinta, mantense ata os nosos días.
A nivel planetario a prohibición da marihuana, coma a de case tódalas sustancias que producen pracer, está ligada a cruzada que os EEUU emprenderon fai máis de oito décadas para “protexernos” de nos mesmos. Por isto, para comprender a prohibición mundial, hai que analiza-la prohibición nos EEUU.
A finais do século XIX e principios do XX floreceron en EEUU multitude de grupos sociais que tinhan como base ideolóxica un puritanismo extremo. Estes crían que era posible mellorar a sociedade pola imposición de leis que tiveran coma obxecto a reforma das costumes e dos hábitos dos homes mediante a erradicación do vicio. Entre estes grupos destacaban Anti-Saloon League, Liga Antialcólica, a Sociedade para a supresión do Vicio, agrupacións antibico, etc. Coa súa presión contribuíron tamén a prohibición do alcol entre 1919 e 1933 en todo o país.
Por outra banda as catro sustancias recreativas máis utilizadas -alcol, opio, cocaína e o cánabo- estaban ligadas a catro grupos raciais definidos. Así, do mesmo modo que a reacción contra o alcol foi en gran parte derivada do rexeitamento á minoría irlandesa, grupo que constituíu a primeira entrada masiva de man de obra barata en EEUU, o uso do opio foi estigmatizado porque o usaban os chineses, a cocaína porque a utilizaban os negros do sur e o cánabo porque era fumada polos mexicanos. En tódolos casos, e moi especialmente nos tres últimos, grupos sociais aos que se odiaba ou temía por un ou outro motivo, foron satanizados en función de costumes que lles eran propias. A isto contribuíron as difamacións de W. R. Hearst por medio do seu xornal sensacionalista de tirada estatal, difamacións que se intensificaron logo da toma por parte do exército de Pancho Villa de 320.000 hectáreas de bosque mexicano propiedade de Hearst. A partir de 1910 nos seus xornais non se deixou de difundir a imaxe do preguiceiro mexicano fumador de marihuana, o “perigo amarelo” que suponhían os chineses, ou as violacións de mulleres brancas por parte de negros baixo os efectos da cocaína. A Hearst lle debemos o uso da palabra “marihuana”, pronunciación inglesa do nome en mexicano “marijuana”, termo co que empezou a chamar ao cánabo -“hemp” en inglés- coma se de umha nova e foránea planta se tratase, cando era un dos máis importantes cultivos agrícolas ata ese momento.
Tamén hai que destaca-lo control sobre a dispensación e fabricación de drogas e principios activos que médicos e farmacéuticos disputaron e fixeron seu a principios do século XX.
Pero hai algumhas diferencias na prohibición do cánabo en relación as outras sustancias, de claro carácter económico:
Ademais do aumento dos cultivos de cánabo e da obtención de fibra a partir destes, a mediados dos anos 30 do século XX, as máquinas descortizadoras de cánabo e as que facían posible aproveitar a polpa de gran contido en celulosa modernizáronse, estaban disponhibles e eran rendíbeis; ata tal punto que un artigo de Popular Mechanics referido a esta nova tecnoloxía era o primeiro que utilizaba o termo “billion dollars” aplicado a un cultivo agrícola nos EEUU.
Para algúns sectores do mercado saltou a alarma. Tal era o caso das companhías pertencentes á Hearst Paper Manufacturing Division, e practicamente o resto de companhías accionistas de papel, xornais e madeira de construción.
En 1937 DuPont acababa de patentar os novos procesos nos que se utilizaban sulfato ou sulfito para a elaboración de papel a partir de pasta madeireira, así como os procesos para elaborar plásticos a partir de carbón e petróleo. Aparece así un novo tipo de téxtil, o nailon, como nova fibra “milagrosa” pretendendo desprazar no mercado a fibra tradicional por excelencia, a de cánabo. Quen controlaba este novo produto era DuPont, xigante químico que produce actualmente tanto pinturas como transxénicos, que empezou acaparando o mercado de explosivos a finais do século XIX converténdose numha das maiores empresas de pólvora durante a Primeira Guerra Mundial.
O ter que competir co papel e as fibras de cánabo poría en perigo os lucrativos esquemas financeiros de Hearst, DuPont e o maior prestamista de DuPont, Andrew Mellon, do banco Mellon, Pittsburgh.
Mellon, coma secretario do departamento do Tesouro baixo a presidencia de Hoover, nomeou ao futuro marido da súa sobrinha, Harry J. Anslinger, director da Oficina Federal de Narcóticos e Drogas Perigosas, hoxe en día a famosa DEA -Drug Enforcement Agency-, cargo que ocuparía durante trinta e un anos.
Anslinger foi o principal protagonista da montaxe destinada a ilegalizar e a persegui-la marihuana, así como un dos maiores responsables da nosa maneira actual de trata-las drogas e aos seus usuarios e usuarias. En 1937, co propósito de prohibi-lo cánabo , Anslinger testificou ante o Congreso e declarou que “a marihuana é a droga que máis violencia creou o longo de toda a historia da humanidade” xunto con outras mentiras extraídas case por completo dos xornais de Hearst.
Numha serie de reunións secretas do Departamento do Tesouro entre 1935 e 1937 con Anslinger á cabeza, foi onde se idearon as leis fiscais que prohibían a marihuana e as estratexias a seguir. Finalmente, en decembro de 1937, aprobouse a Marijuana Tax Act -Decreto de Lei Fiscal da Marihuana-. Esta lei era, en realidade, umha norma penal disfrazada de disposición administrativa. A marihuana non se prohibía directamente, a lei esixía a imposición de abusivos impostos e outras inalcanzábeis condicións aos distribuidores.
A nivel internacional a primeira vez que se inclúe ao cánabo numha listaxe de sustancias suxeitas a control é no Convenio de Xenebra de 1925, onde as partes limitarían a usos “médicos e científicos” a produción, venta e emprego dos fármacos incluídos nas listas. Aínda que os EEUU foran os principais impulsores da convención, foi a delegación británica quen suxeriu incluír a resina de cánabo -Haxix- no convenio. Os motivos de Inglaterra eran de orde política e relacionados co seu papel como potencia colonial en Exipto. Os sectores exipcios partidarios da independencia estaban tentando impedir a colonización cultural inglesa e facendo do consumo de cannabis, tradicional en Exipto, un símbolo de resistencia.
En 1961 promulgouse a primeira normativa internacional, na Convención Única sobre Estupefacientes de Nova York, que clasificaba ao cannabis, que non é un estupefaciente, e aos seus derivados na Lista I xunto cos fármacos con maior toxicidade e menor valor terapéutico. A partir desta convención elaboráronse as lexislacións da maior parte dos países entre as que se atopa a nosa lexislación.
Para máis info e un montón de bibliografía: Escotado,A.: Historia general de las drogas, vol 2. 7ª edición. Madrid 1998 e Herer, J.: El emperador está desnudo. Edición española. Castellar de le Frontera 1999.