En 1922 o xornal Umanità Nova publicou un artigo decididamente antiprohibicionista do ideólogo anarquista Errico Malatesta (1853-1932). Despois de 90 anos, as reivindicacións seguen a ser as mesmas esixindo cambios nas políticas sobre drogas baseados na información e non na persecución dos usuarios.
COCAÍNA
En Francia existen leis severas contra quen usa e quen expende cocaína. E, como é habitual, o azoute esténdese e intensifícase a pesar das leis e quizais a causa das leis. Igualmente no resto de Europa e en América.
O doutor Courtois, da Academia de Medicina francesa, que xa o ano pasado lanzara un berro de alarma contra o perigo da cocaína, comprobado o fracaso da lexislación penal, pide… novas e máis severas leis. É o vello erro dos lexisladores, a pesar de que a experiencia sempre, invariablemente, demostrara que nunca a lei, por bárbara que sexa, serviu para suprimir un vicio, ou para desanimar o delito.
Canto máis severas sexan as penas impostas aos consumidores e aos negociantes de cocaína, máis aumentará nos consumidores a atracción polo froito prohibido e a fascinación polo perigo afrontado, e nos especuladores, a avidez de ganancia, que é xa inxente e crecerá co crecer da lei.
É inútil esperar da lei.
Nós propoñemos outro remedio.
Declarar libre o uso e comercio da cocaína, e abrir as expendidurías nas que a cocaína sexa vendida a prezo de custo, ou mesmo, baixo custo. E despois facer unha gran propaganda para explicar ao público e poñer ao alcance da man os danos da cocaína; ninguén faría propaganda contraría porque ninguén podería gañar co mal dos cocainómanos.
Certamente con isto non desaparecería completamente o uso daniño da cocaína, porque persistirían as causas sociais que causan os desgraciados e os empurran ao uso de estupefacientes.
Pero de calquera modo o mal diminuiría, porque ninguén podería gañar coa venda da droga, e ninguén podería especular coa caza dos especuladores. E por iso a nosa proposta non será tomada en consideración, ou será tratada de quimérica e tola.
Non obstante a xente intelixente e desinteresada podería dicir: “Despois de que as leis penais se mostraron impotentes, non estaría ben, polo menos a título de experimento, probar o método anarquista? “
Enrico Malatesta, en Umanità Nova 1922.