Nas VI Xornadas Antiprohibicionistas celebradas os días 10, 11 e 12 de Maio de 2012, na “Casa das Asociacións” de Compostela, puidemos asistir a tres interesantes e moi completas charlas que fixeron que os asistentes aumentaramos o noso coñecemento de moi diversos aspectos sobre as sustancias psicoactivas.
O xoves comezaron as xornadas coa presenza de Nacho Rivero do Clube de Consumidores de Cánabo do Condado quen despois dun pequeno comezo dunha exposición sobre “Os Clubes Sociais de Cannabis”, tivo que enfrontarse ao bombardeo de preguntas das 30 persoas que alí se achegaron con grande interese de coñecer máis e de como formar un CSC.
O segundo día gozamos coa espectacular presentación dos “Diferentes enfoques das sustancias psicoactivas nas ilustracións e animacións do s.XX” na que Miriam Varela, da Xuntanza Antiprohibicionista, fixo un repaso sobre distintos cómics e animacións do século XX nos que a presenza de diferentes sustancias trátase dun xeito ou outro segundo os diversos contextos, cunha gran reflexión antiprohibicionista final no que felicitou traballos que realmente buscan unha información e non unha amplificación de tópicos prohibicionistas.
O último día das xornadas, José María Costa Lago da asociación micolóxica Pan de Raposo deleitounos cunha moi completa charla sobre a “Amanita muscaria. Aspectos culturais e curiosidades sobre o fungo matamoscas“. José María conseguiu transmitir o interese e o coñecemento aos asistentes sobre este cogomelo tan usado en diversas épocas tanto en condicións rituais coma na publicidade ou na arte.
Para rematar as xornadas, á saída da Casa das Asociacións estábanos a esperar a festa clausura, máis humilde do habitual aínda que non faltaron as famosas empanadas que xa se están a converter nun referente das festas da XA!.
Pódese ver a nova que publicou o xornal “El País” sobre as VI Xornadas Antiprohibicionistas premendo na seguinte ligazón: http://www.elpais.com/psp/index.php?module=elp_pdapsp&page=elp_pda_noticia&idNoticia=20120513elpnepaut_21.Tes&seccion=nac