Despois de superar moitos atrancos e conseguir xuntar os 1200 euros que nos impuxo o concello como fianza para poder utilizar o espazo público, puidemos celebra-lo San Kanuto 2012 na Carballeira de Santa Susana coma tódolos anos.
Logo do tradicional xantar comezou o Campionato Intergaláctico de Petanka-nuto, con pouca participación doutras galaxias pero coa mellor representación da nosa. Durante todo o campionato, e o resto da xornada, non deixou de respirarse ese aroma tan especial típico desta celebración.
As cinco, os amigos do “Chusta Cabaret” fixeron da tarde unha xornada de risas e reivindicacións, lembrando que non son as sustancias senón o mal uso destas sustancias o responsable dos prexuízos asociados ao consumo, e que os usuarios de sustancias ilegais as usamos porque nos prestan e que non somos uns criminais por decidir usalas.
Para pechar a festa os grupos The Fe Kaos e Golpe Radikal puxeron a xente alí reunida a chimpar e bailar con dous tremendos concertos que foron o broche dunha xornada coa implicación de todas as persoas que se achegaron ata a festa, sempre dispostas a botar un cable, e deixando todo máis recollido do que estaba cando chegamos para non darlle motivos a ninguén, e demostrando que somos nos os primeiros interesados en coidar desta e doutras carballeiras.
Podes ver a reportaxe que fixo do San Kanuto 2012 o programa Santiago Te Ve, do canal Santiago TV premendo neste enlace.