
As políticas de drogas a nivel mundial semella que comezan a mudar. Despois da grande cantidade de recursos adicados á guerra contra as drogas e do evidente fracaso da mesma, en moitos lugares estase a considerar un cambio de rumbo.
Cada vez son máis os estados en Europa e América que despenalizan os consumos e cada vez máis os que regulan a produción e distribución do cannabis. Tamén no Estado Español políticos de diferentes partidos con representación parlamentaria falan publicamente da regulación do cannabis.
Damos a benvida ás iniciativas lexisladoras que autorizan o consumo recreativo do cannabis e así miles de consumidores e consumidoras non teñan que acudir ao mercado negro financiando así ás organizacións criminais que se enriquecen gracias á Prohibición, pero… é este o camiño a seguir?
Cando escoitamos os argumentos de políticos, de diferentes ideoloxías, a favor dunha regulación do cannabis, basicamente o discurso céntrase na inocuidade da sustancia e no aspecto económico: os ingresos fiscais e os recursos adicados á persecución. Son razóns válidas, pero… realmente son estes os maiores problemas da Prohibición?
Dende o noso punto de vista o debate debería centrarse fundamentalmente na liberdade e nos problemas sociais e sanitarios que o prohibicionismo xerou nesta guerra. Porque se importante é o gasto nunha guerra que non se pode gañar, e importantes os fondos que se poderían recadar e destinar a sanidade e educación, moito máis importantes son os 25.000 asasinatos no ano 2017 en México relacionados coas organizacións criminais que dominan rexións enteiras gracias aos grandes ingresos que lles aporta a cocaína. Tamén a escravitude, a violencia ou mesmo a destrución do medio que provocan estes grupos deberían ser o centro do debate.
E se ao que atendemos é a criterios sanitarios, xa que é un problema de Saúde Pública, de regular algunha sustancia deberíamos comezar polas máis perigosas e as que maiores problemas sanitarios ocasionan.
Cando o antiprohibicionismo no Estado deu un paso adiante unindo forzas e deixando diferencias aparte, en maio do 2002 na Cannabis Parade en Tarifa, adoptando o antiprohibicionismo coma filosofía e o activismo cannábico como estratexia, como nos explica o impulsor desta proposta Nacho Rivero Madriñán, conseguimos en moi pouco tempo os resultados. Os clubs de consumidores de cannabis xa son unha realidade e o debate xa está presente nos medios e, o que parecía máis difícil, na axenda política.
Conseguida a estratexia inicial, chegou a hora que dende o movemento antiprohibicionista reivindiquemos o fin da Prohibición na súa totalidade, non dunha ou doutra sustancia, xa que os problemas que xerou esta guerra non rematan coa regulación da sustancia ilegal que menos problemas provoca, senón que rematarán cando remate esta guerra.