Un ano máis antiprohibicionistas de distintas partes da xeografía galega xuntámonos no compostelán CSA do Sar para celebrar este San Kanuto 2018.
Con grande afluencia e grandes risas a xornada comezou ás 16:00h co espectáculo de circo Grow-Cabaré desfrutando do humor fumeta e das diferentes disciplinas circenses coas que os artistas abraiaron ao público.
A continuación comezaron os obradoiros. Primeiro aprendemos como facer correctamente, con seguridade e maximizando os resultados unha extracción de BHO gracias as explicacións e a demostración da xente de MeloilExtracts, con cata incluída.
Despois Suso do CSC Uiken impartiu o obradoiro de cremas elaboradas con CBD como principio activo na que o numeroso público presente puido aprender tódolos detalles da elaboración ademais de levar unha mostra da crema de CBD.
Rematados os obradoiros comezou a festa da man de MáisLume Kolektive coas músicas da cultura Soundsystem e Xamaicana poñendo a bailar a toda a xente que xa abarrotaba o recinto.
E como non podía ser doutro xeito, esta xornada lúdico-reivindicativa rematou coa maniFESTAción que percorreu e animou as rúas de Compostela ao ritmo da percusión do Bloco da Escola Prucupá de Trópico de Grelos acompañando á imaxe do San Kanuto nesta particular procesión.