Chega a Lei Mordaza

antiprohibicionista2Faltan unhas poucas horas para o que moitos califican coma o maior recorte de liberdades da “Democracia”, coa entrada en vigor este 1 de xullo da reforma da Lei de Seguridade Cidadá e do Código Penal.

A Lei de Seguridade Cidadá máis coñecida coma Lei Mordaza ou Lei da Patada na Boca ou Lei da Barra Libre para a Policía, foi aprobada sen consenso parlamentario e con máis de 50 recursos presentados ante o Tribunal Constitucional.

Tralo eufemismo da seguridade cidadá, agochase realmente a seguridade da blindaxe do Goberno ante os novos modelos de protestas sociais que xurdiron nos últimos anos e o intento de calar as reivindicacións cidadás.

Ademais esta Lei de Seguridade Cidadá recolle varios aspectos relacionados coas drogas ao igual que acontecía coa súa predecesora de 1992, a coñecida coma Lei Corcuera, desoíndo as distintas voces que conformamos o Movemento polo Cambio nas Políticas de Drogas, que propoñemos que os aspectos relacionados coas drogas débense tratar dunha óptica sanitaria e educativa e non dende un punto de vista de persecución e represión como acontece actualmente ao incluírense nunha lei de seguridade e non nunha lei sanitaria.

Un dos aspectos máis criticados desta Lei é a ambigüidade deliberada que deixa espazo á interpretación arbitraria por parte da Administración, e a nós mesmos, xa que aparecen análises como o de Enrique Fornes que interpreta o artigo 36.18 coma unha despenalización do cultivo xa que ao entrar en vigor a lei, o cultivo será sancionable “en lugares visibles ao público” polo que ao estar tipificado o que está prohibido, en sentido contrario defínese o que está permitido, que sería en lugares non visibles ao público.

Mais esta lectura optimista da lei non é a que lle damos dende a Xuntanza Antiprohibicionista, xa que o único cultivo que se penalizaba ata agora era o que un xuíz consideraba que era para o tráfico. Pero a partir da entrada en vigor da reforma, aínda que o cultivo non estea destinado ao tráfico poderá ser sancionable se está “en lugares visibles ao público”, descoñecendo pola ambigüidade da lei se, por exemplo, os cultivos domésticos invisibles dende o exterior que son sobrevoados e fotografados polos helicópteros da policía frecuentemente serían sancionables por considerarse visibles.

Dáse a circunstancia que os tribunais raramente dan a razón a os corpos de seguridade cando desmantelan cultivos que realmente non están destinados ao tráfico, véxanse os longos procesos aos que se ven sometidos os responsables dos distintos clubes de consumidores, como os compañeiros de Pannagh. Igualmente os tribunais non acostuman dar a razón ao Goberno fronte a determinadas protestas suscitadas nos últimos anos. Por iso construíron este entramado de sancións administrativas e converten en multa o que antes sometíase a un control xudicial.

Ao igual que moitos colectivos, dende a XA! chamamos a desobediencia activa desta lei dándolle máis visibilidade que nunca aos nosos cultivos, xa que os e as usuarias de drogas conformamos o movemento de desobediencia civil máis numeroso do planeta e que sen un solo cambio lexislativo e en moi poucos anos, conseguimos avanzar da total estigmatización e criminalización á realidade dos clubes de consumidores, repetimos, sen un sólo cambio lexislativo.

En Políticas de Drogas nin un Paso Atrás!!!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Novas coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s