“….y en dos o tres días ya os la devuelven”. Aínda que nunca chegamos a crelo, non esperabamos que a devolución da fianza de San Kanuto se convertera na odisea que resultou ser.
Para empezar esta crónica, debemos explicar que tódolos anos o 19 de Xaneiro celebramos a festividade de San Kanuto na Carballeira de Santa Susana, e tódolos anos deixamos todo como estaba antes de chegar, incluso en ocasións mellor. Ademais de dicilo nós, tamén o persoal do departamento de tráfico recoñece isto, segundo os informes da policía local.
Aínda así, cando este ano solicitamos o permiso, a resposta foi que si queriamos utiliza-la vía pública deberíamos depositar unha fianza de 1200 €, sen máis explicación que “ahora se le pide a todo el mundo”, sendo isto falso xa que sabemos que a outras organizacións non se lle esixe, coma debería ser con todas.
O depósito dunha fianza de 1200 €, ou incluso 3000 € noutros casos, é unha condición que moitas asociacións sen ánimo de lucro non poden cumprir. Entón esta fianza convértese, entón, nunha denegación encuberta dun permiso que non poden negarse a conceder abertamente. De feito, alguén do departamento responsable de conceder o permiso, xa presupoñía que non realizariamos a actividade e sorprendeuse o día que pagamos a fianza.
Despois de dous meses de moitas visitas e moitas chamadas a distintos departamentos da administración do Concello de Santiago de Compostela, devolvéronnos a fianza. Dous meses nos que calquera pequena asociación non pode prescindir de 1200 €.
Pero nin o depósito da fianza, nin a tardanza en devolvela foron o único indignante no asunto. A continuación expoñemos a crónica dos acontecementos:
–día 20 xaneiro: presentamos no rexistro a solicitude de devolución de fianza
–día 10 febreiro: sen resposta. Achegámonos ao departamento de tráfico, e comentan: “ hiciste bien en venir, porque ya no me acordaba”. Os documentos presentados no rexistro supostamente desapareceran. Piden copias do xa presentado.
–día 13 febreiro: levamos copias do presentado para que podan elaborar o decreto de devolución. “Volvede o día 16” e xa estará listo.
–día 16 febreiro: non estaba listo. “xa vos chamamos nos”
–día 23 febreiro: chaman para dicir que lles levemos o orixinal da carta de pago
–día 24 febreiro: levamos a carta de pago orixinal, e non facía falla. Remiten a documentación a Tesourería.
–día 27 febreiro: chamamos a Tesourería e teñen a documentación, pero debería estar en Intervención. Remiten a Intervención.
–día 28 febreiro: chamamos a Intervención e non teñen o número de conta, que xa lle facilitaramos. Debeuse perder.
–día 29 febreiro: damos o número de conta a alguén que non era o responsable porque non estaba a persoa encargada.
–día 1 de marzo: confirmamos que teñen o noso numero de conta, e que esperemos.
–día 20 marzo: chamamos para preguntar, e din que xa debería estar ingresada.
–día 21 marzo: Ingreso da fianza por parte do Concello.
Na proba 8, a casa da tolemia, de “Asterix e as 12 probas” pode que resulte simpático, pero na realidade, esta desorganización burocrática o único que supón son trabas, enredos e traballo extra, tanto das asociacións que organizan actos culturais coma das traballadoras e traballadores do Concello.
Por todo isto a Xuntanza Antiprohibicionista solicita ao Concello de Compostela que acabe con esta absurda práctica, xa que as actividades sempre teñen un responsable que se encargaría dos posibles danos.