Resumo concentración apoio ENCOD: “Drogas Ceives, nin multas nin prisión”

Onte, venres 16 de marzo, xuntámonos algunhas socias e amigos da XA!, para reivindicar un cambio na política de drogas baseada na saúde e información e non na persecución das usuarias e usuarios, coincidindo coas mobilizacións que se están a realizar en Viena e noutras cidades con motivo da 55ª sesión da Comisión de Estupefacientes da UNODC.

A partir das 20 h. despregamos as nosas pancartas na Praza do Toural e repartimos material informativo sobre a sesión da comisión e as reivindicacións da ENCOD –Coalición Europea por Políticas de Drogas Xustas e Eficaces-.

A cantidade de persoas que pasaban a esas horas pola céntrica praza compostelá mostráronse cando menos sorprendidas e interesadas polas nosas reivindicacións. Incluso o ex-ministro de xustiza Francisco Caamaño acompañado polo ex-alcalde de Compostela Xosé Antonio Sánchez Bugallo, levaron algún folleto informativo.

O acto rematou coa lectura dun emotivo manifesto que nos fixo berrar aos alí presentes en contra da inxusta prohibición.

MANIFESTO:

Saúdos a todas!

Hoxe estamos aquí, para apoiar as mobilizacións que se están a realizar en Viena durante a 55ª sesión da Comisión de Estupefacientes da UNODC, a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, a axencia da ONU responsable de loitar contra as drogas e o crime organizado transnacional.

Esta axencia da ONU, xunto coa JIFE -Xunta Internacional de Fiscalización de Estupefacientes- son os principais organismos internacionais responsables da vixilancia do cumprimento da prohibición mundial das sustancias psicoactivas segundo os diferentes tratados.

A prohibición é un experimento que fracasou!!. Os problemas de saúde asociados as drogas aumentaron pola situación de ilegalidade, principalmente polo descoñecemento das sustancias por parte das consumidoras que leva a practicas de risco, e a adulteración.

E que non pense ninguén que a nosa é unha loita egoísta por parte de usuarios. Que queremos mirar pola nosa saúde e pola nosa liberdade.

O “problema da droga” é un gran problema que vulnera os Dereitos Humanos. Por unha banda por parte dos grupos criminais que asasinan, torturan e captan para as súas organizacións a labregos e persoas desfavorecidas que son recrutados coma sicarios, mulas ou “simplemente” produtores manexando disolventes perigosos.

Tamén se vulneran os dereito humanos por parte dos Estados e coa escusa da loita contra a droga, simples usuarios son condenados a cadea perpetua e nalgúns países -como a gran superpotencia China- son executados, incluso en público como espectáculo do Día contra a Droga.

Ademais desta vulneración dos Dereitos Humanos, hai que destacar os problemas medioambientais que supón a produción de sustancias como a cocaína ou heroína, onde grandes extensións de ecosistemas inaccesibles que deberían estar protexidos son destruídos para o cultivo, ou polo verquido de disolventes e produtos químicos incontroladamente. Ou ben son destruídos pola “guerra contra as drogas” que fumigan indiscriminadamente con produtos nocivos grandes áreas onde sospeitan que hai cultivos.

 Temos que ser conscientes que a prohibición dende a súa orixe foi creada dende a moral, o racismo e os intereses económicos e nunca dende unha perspectiva científica ou baseada en criterios de saúde, xa que sustancias ben nocivas coma o alcol son permitidas e outras sustancias como a folla de coca que non só non é nociva, senón un gran suplemento nutricional necesario están perseguidas.

 Por todo isto, queremos un cambio nas políticas actuais sobre drogas baseadas na persecución das usuarias, e esiximos políticas baseadas na saúde e na información!

 DROGAS CEIVES, XA!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Novas coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Resumo concentración apoio ENCOD: “Drogas Ceives, nin multas nin prisión”

  1. salwa di:

    Máis educación e menos persecución… É unha actitude que tiña que ser constante na vída política. A perspectiva científica é fundamental en asuntos de saúde pública.

    Menos mal que aínda hai xente que se preocupa por recordarnos que non todo é aceptar sen pensar. Noraboa XA!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s